23.6.12

PECHAMOS CUN SALTO



O Laboratorio de Movementos pecha o vindeiro 30 de xuño. A nosa proposta arredor das artes do movemento reactivarase cun novo proxecto cultural do que vos iremos informando nos vindeiros meses. O novo escenario fainos repensar o noso Laboratorio dentro dunha proposta colaborativa que interrelacione a danza coa literatura e as artes visuais. No facebook actualizaremos o salto cara un novo espazo. Pasade un bo verán!

7.6.12

UNHA INTRODUCIÓN A DANZA CONTEMPORÁNEA


Unha introdución á danza contemporánea. A nova danza galega sairá á venda en setembro!

Deixámosvos un avance: unha ferramenta didáctica que asocia o texto con contidos visuais abertos e recolle entrevistas, documentais e extractos das pezas dos coreógrafos esenciais da danza contemporánea, cunha atención especial á actualidade da danza feita en Galicia.

13.5.12

MOVEMENTO, IMPROVISACIÓN E XOGO



Nestas clases exploraremos diversas técnicas do movemento, entre elas o tai-qi, o ioga, a danza contemporánea e o contact-improvisation; para afondar e desenvolver as nosas capacidades psicomotrices. Dende estas técnicas con certas linguaxes asociadas, accionaremos improvisacións baseadas no movemento onde podamos desenvolver as capacidades creativas propiamente escénicas como o traballo en grupo, o ritmo, o desenvolvemento de (scores) metas, e as relacións co espazo e os obxectos.
E todo, todiño nun ambiente distendido (0 poses), concentrado (estamos ao que estamos) e lúdico (a bailar e a pasalo ben!).

Todos os martes e xoves de 20.30h. á 22.00h ata o 28 de xuño.

Iván Marcos estudou teatro con Manuel Lourenzo e Phillipe Gaulier (Londres), teatro físico e circo contemporáneo en Circomedia (Bristol), e coreografía e arte dixital no Dartington Collade Arts de Inglaterra. Formouse noutras disciplinas relacionadas co mimo e o contact improvisacion; e na actualidade centra o seu adestramento en prácticas de carácter integrador como o Ioga e o Tai-Qi.

Foi director da compañía Hoax productions, coa que gañou un Premio Jerwood e un Premio Fringe First no Festival de Edimburgo polo seu espectáculo Raw Beef.
Nos seus solos (Leight in suitcase, Desires, Eco...) integra distintos estilos teatrais e formatos artísticos, elementos narrativos e simbólicos, xerando situacións contemplativas que conducen á reflexión sobre a condición do mundo e das persoas.
Traballou como intérprete para outras compañías de teatro e danza como Chévere, Materile Teatro, Music ata Brewhouse, Point Blank, Miren Theatre; e tamén para diversos proxectos no audiovisual como Omar Martínez, Os Crebinsky, Matalobos, Todo es silencio, El Vaivén, Na distancia, entre outros.
Colabora con artistas afíns na realizacións de pezas de teatro e danza como I really want to stay here now con Mónica García e Ricardo Santana, Sobre la Naturaleza das Cousas con Jesús Barranco e con Mónica García en La Velocidad de las Cosas.

É profesor experimentado en disciplinas teatrais e formas de meditación baseadas no movemento e orientadas ó traballo con actores e bailaríns.


27.4.12

A VELOCIDADE INTERNA DAS COUSAS



A velocidade das cousas é unha singular proposta na que atopamos danza, moita danza debedora dunha ampla traxectoria vital e profesional. Mónica García escolle un rectángulo iluminado para amosarnos o pensamento  espido do corpo que reflexa a circulación precisa das decisións.
A peza comeza cun movemento lento, descontinuo, ascendente; un movemento xerador de sons en contacto cunha placa sonorizada. Esa evolución sonora conecta coa experiencia amorosa que nos eleva á máxima intensidade sensible. Ese estado amplificado onde accionamos os lindes da experiencia e construímos un discurso propio; é aí onde Mónica García expón a sentimentalidade imposta na vivencia do amor.
En “Fragmentos dun discurso amoroso”  - di a bailarina - Barthes  fala sobre o lugar que ocupa a sentimentalidade na modernidade, atribuíndolle a “obscenidade do amor”  e como o suxeito amoroso asume  esa sentimentalidade e o lugar onde o sitúa. Mónica García cuestiona esa sentimentalidade, enuncia o conflito empregando  a escena como dispositivo de confesión. A construción do corpo amado, a creación activa que nos afecta, que nos violenta e nos impulsa a repetición aditiva do pensamento, visibilízase na escena acompañada por cortes musicais diferenciados.
O corpo deitado sobre a luz cenital reinicia ó pensamento, e outra vez ábrese lentamente ás posturas repetidas. O espazo muda radicalmente e, mentres escoitamos unha canción, soben o escenario os técnicos levando un novo vestiario, desencintando as pranchas, baixando os contras e accionando a máquina de fume. Finaliza a música e, outra vez sobre o mesmo rectángulo , a intérprete enmarcada pola luz e o fume, quebra a intimidade construíndo posicións cargadas pola forza do estereotipo.
Mónica García inicia a construción dunha plataforma, sube, repite as posturas do prototipo imposto polo amor ata que lle é imposible gardar o equilibrio e cae. Intenta refacer a torre, subir unha e outra vez, opoñendo resistencia ó fracaso. Ó fin xurde o sorriso como parte da confesión, a aceptación do desengano acompañada dunha mirada cómplice sobre o espectador na que a intérprete mostra o seu proceso vital sen efectismos e dende o corpo.
A verdade do movemento, no que captamos outros extractos do ser, concéntrase nun intre final - no que escoitamos o verso: A vida é soño -  que nos conecta coas diferentes capas do real. A calidade, a intelixencia  e a madureza da proposta de Mónica García amósanos unha investigación do movemento baseada nos espazos dispoñibles e nas traxectorias irreversibles do pensamento veloz e interno das cousas.

8.4.12

DANZAR NA RÚA




Pechamos o curso "Espazos dispoñibles - Traxectorias irreversibles" de Mónica García cunha sesión moi especial levando a danza á rúa. Estas fotos documentais, feitas en grupo, integraron a proposta compositiva do pasado 24 de abril.

25.3.12

EINSTEIN NA PRAIA




Montpellier Danse repuxo a semana pasada o mítico monumento Einstein na praia (1976), un enorme artefacto escénico dirixido por Bob Wilson, musicado por Philip Glass e coreografiado por Lucinda Childs, que uniu irremediablemente a danza, o teatro, a ópera, o concerto e a performance, constituíndo un fito na escena do fin de século.
Bob Wilson nado en Waco (Texas) foi alumno de Martha Graham e comezou dirixindo accións. Fascinado pola autonomía do movemento respecto da música, empregou un tempo "ralentizado" no seu montaxe Deafman Glance (1971) que converteu nunha característica marca orixinal. Para Einstein na praia elexiu unha linguaxe dinámica que non reflicte o pensamento, nin é lóxica. O seu proceso creativo caracterizouse pola autonomía entre os elementos: a luz, a música, o movemento e a escenografía constrúen diferentes partituras entre as que se producen interaccións casuais. A peza é hoxe un símbolo representativo da revolucionaria arte americana dos setenta que tivo un fortísimo impacto nas posteriores xeracións.

8.3.12

SLEEP NO MORE


"Sleep no More" sucede nun hotel de Chelsea, New York, polo que os espectadores enmascarados transitan e deciden cambiar de piso, entrar e saír das habitacións, quedar no bar ou seguír á algún dos máis de vinte actores inducidos por unha arquitectura teatral da inquedanza que fai todo pareza sucesivo e simultáneo.
O teatro somerxido de Punchdrunk atravesado pola cinefilia e a performance precisa dunha mirada activa e móbil que constrúe múltiples tramas e visións escollidas dun Macbeth sempre violento e sobrenatural.

4.2.12

A DANZA SEN LINDES



Dende o MOV-S 2012 - un proceso colaborativo que culminará nun encontro iberoamericano arredor da danza, as artes do movemento e a creación contemporánea en Cádiz o vindeiro xuño -  lanzan a pregunta: ¿Que é danza?, ¿De que falamos cando falamos de danza?.
Mais ¿Como abordar esta cuestión poliédrica e aínda controvertida? Podemos ampararnos nun pensamento múltiple que inclúe diversas formas de indefinición. Dende aí podemos repensar a danza; dende a negación dos lindes inflexibles, dende o centro móbil e múltiple desprazándonos ata as fronteiras mutantes do que hoxe é arte e pensamento.

Podemos intentalo, falar da danza expandida, repensada, híbrida, libre de implícitos unificadores que nesgan os matices. A danza conectada co social, co poético, co científico, coa diversidade na tradición e na vangarda. A danza que improvisa mentres avanza. A danza dos precursores e dos novos clásicos; a nova danza e a non danza, a danza da crise, a que expresa que sucede neste mesmo intre. A danza integrada, abstracta, posmoderna; a danza teatro, a performática, a danza anovadora, a tradicional e tamén a académica que teme e nesga a inexistencia de fronteiras.
A danza que amplía os límites, a que reforza un centro sempre múltiple e en constante movemento. A que non atende ás simplificacións entre Norte e Sur, nin ás definicións, a que propón códigos pechados ou abertos. A danza somerxida, a dixital, o cinedanza, a videodanza, a ciberdanza. A danza pobre e tecnolóxica que compoñemos no presente. A danza que xurdirá diste proceso de desprogramación, diste case punto cero; a danza que está a contar a desaparición dun Estado de Benestar só europeo.

Tamén a danza de resistencia dos territorios esquecidos que son maioría. A danza autista, a danza dos grandes centros icónicos, a danza urbana da rúa. A danza conectada, asociada, a que suma, une e colabora. A danza imaxinada, a que non está documentada: a danza mítica das esfinxes, a grega, a dos escravos, a da guerra, a dos solsticios e as vodas; a danza da Historia da danza – a dos grandes fitos- e a danza que está fora da Historia. A periférica, a das pequenas comunidades sen Estado, a dos oprimidos, os desprazados, os emigrantes e tamén a danza libre, múltiple, consciente e expandida: a danza sempre utópica do futuro.

*
A foto é de Bárbara Morgan.


29.1.12

FORSYTHE


Solo (1997) é unha emblemática peza do xenial coreógrafo americano William Forsythe, renovador radical do vocabulario clásico contemporáneo. Cunha ampla traxectoria de colaboración cos ballets máis grandes do mundo; o seu estudio do espazo actualizando as teses de Laban, as atmosferas eléctricas e sombrizas e os movementos fragmentarios dun velocísimo virtuosismo percorren a investigación e a creación coreográfica que desenvolve agora coa súa compañía e que cambiou a forma de ver e facer clásico no final de século.

22.1.12

AREIA



Areia é o novo espectáculo que a compañía portuguesa Circolando estreou este xaneiro no Teatro Virginia (Torres Novas). Neste vídeo atopamos as imaxes dun work in progress inserido nun deserto interior e aberto á reflexión sobre os diversos estadios do tempo, a desertificación e a morte. 
Neste intres Circolando está a crear Arraial, un ambicioso proxecto de traballo coa comunidade arredor das festas populares das rexións do Minho e do antigo Douro Litoral, apoiado nun excepcional proceso de recollida e documentación que podedes visitar na súa web.

14.1.12

O CISNE


Swan é unha experiencia ornitocoreográfica, un diálogo entre cisnes e bailaríns produto dun longo proceso de recoñecemento como podemos ver neste making of da compañía de Luc Petton.

¿Es raro que cisne quiera decir sonido?
En dioses y poder, y heridas he pensado.
Pero aquí en extraña paz éste ha callado.

Todo el día se matuvieron a raya los perros que ladraban.
Mejor que perros, un solo cisne,
alejará esas malignas fuerzas según dicen

y así guardar la calma, hacer de la laguna un lago-
suene por la arboleda silenciosa una crecida
quebrada resonante, despertando la mente sacudida.

*
O poema homónimo é de Robert Creeley

7.1.12

TALLER DE VOZ CON MÓNICA DE NUT




Taller práctico para cantantes, actores e afeccionados sen coñecemento técnico previo. Exercitaremos as técnicas que presentaremos na súa maioría en grupo: vocalizacións, xogos vocais, cancións de varios estilos musicais a coro, experimentación… gozando do noso propio son e sacándolle o máximo partido.

 Os obxectivos do Taller de Voz son: 
-    Coñecer e desenvolver as posibilidades vocais persoais.
-    Evitar problemas relacionados coa voz e o seu uso.
-    Obter o mellor rendemento vocal co menor esforzo.
-    Coñecer e exercitar as técnicas de relaxación e respiración adecuadas para a fonación con conciencia corporal.
-    Dotar de firmeza, alcance, flexibilidade e naturalidade á voz .
-    Análise das cualidades do son vocal para conseguir a máxima gama de matices: volume, entoación, duración, ritmo, velocidade… aproximando a voz falada ó canto e viceversa.   
-    Descubrir formas de expresar coa voz a emoción e o propósito do discurso.
-    Cantar cancións como solista e a coro propostas no cursos e polo alumnado.
                    
Todos os mércores de 20.30 á 22h dende febreiro.
Prezo: 35€/mes.
O mércores 25 de xaneiro celebraremos unha clase aberta a todos os interesados.
Máis info no 659.888.709 e no laboratoriodemovementos@yahoo.es

Mónica de Nut canta ópera, jazz, música de raíz, música experimental… Ten experiencia na interpretación teatral e na expresión corporal. Estudiou piano e pedagoxía musical diplomándose na Universidade de Vigo. Formouse no canto lírico licenciándose na Escola Superior de canto de Madrid na especialidade de Teatro Lírico, no canto tradicional en varias agrupacións e no jazz na escola Estudio de Compostela e no S.P.J. de Pontevedra.
Ademáis de cantar en varias agrupacións como Isga Collective, o dúo Litanei, pandeireteiras A Buxaina… lanzou un primeiro disco de Mónica de Nut trío, con Paco Dicenta ó baixo e bases eléctrónicas e Virxilio da Silva á guitarra.
Participou tamén en montaxes operísticas e de teatro musical; incluída a interpretación de Jenny na Ópera dos tres reás de Bertolt Brecht e Kurt Weill dirixida por Quico Cadaval e protagonizada por Luís Tosar.