O Laboratorio de Movementos pecha o vindeiro
30 de xuño. A nosa proposta arredor das artes do movemento reactivarase cun
novo proxecto cultural do que vos iremos informando nos vindeiros meses. O novo
escenario fainos repensar o noso Laboratorio dentro dunha proposta colaborativa
que interrelacione a danza coa literatura e as artes visuais. No facebook
actualizaremos o salto cara un novo espazo. Pasade un bo verán!
Laboratorio de Movementos
Actualidade e moito máis sobre a danza e outras artes do movemento
23.6.12
7.6.12
UNHA INTRODUCIÓN A DANZA CONTEMPORÁNEA
Unha introdución á danza contemporánea. A nova danza galega sairá á venda en setembro!
Deixámosvos un avance: unha ferramenta didáctica que asocia o texto con contidos visuais abertos e recolle entrevistas, documentais e extractos das pezas dos coreógrafos esenciais da danza contemporánea, cunha atención especial á actualidade da danza feita en Galicia.
13.5.12
MOVEMENTO, IMPROVISACIÓN E XOGO
Nestas clases exploraremos
diversas técnicas do movemento, entre elas o tai-qi, o ioga, a danza
contemporánea e o contact-improvisation; para afondar e desenvolver as nosas
capacidades psicomotrices. Dende estas técnicas con certas linguaxes asociadas,
accionaremos improvisacións baseadas no movemento onde podamos desenvolver as
capacidades creativas propiamente escénicas como o traballo en grupo, o ritmo,
o desenvolvemento de (scores) metas, e as relacións co espazo e os obxectos.
E todo,
todiño nun ambiente distendido (0 poses), concentrado (estamos ao que estamos)
e lúdico (a bailar e a pasalo ben!).
Todos os martes e xoves de 20.30h. á 22.00h ata o 28 de xuño.
Todos os martes e xoves de 20.30h. á 22.00h ata o 28 de xuño.
Iván Marcos estudou teatro con Manuel Lourenzo e
Phillipe Gaulier (Londres), teatro físico e circo contemporáneo en Circomedia
(Bristol), e coreografía e arte dixital no Dartington Collade Arts de
Inglaterra. Formouse noutras disciplinas relacionadas co mimo e o contact
improvisacion; e na actualidade centra o seu adestramento en prácticas de carácter
integrador como o Ioga e o Tai-Qi.
Foi director da compañía Hoax productions, coa que gañou un Premio Jerwood e un Premio Fringe First no Festival de Edimburgo polo seu espectáculo Raw Beef.
Nos seus solos (Leight in suitcase, Desires, Eco...) integra distintos
estilos teatrais e formatos artísticos, elementos narrativos e simbólicos,
xerando situacións contemplativas que conducen á reflexión sobre a condición do
mundo e das persoas.
Traballou como intérprete para outras compañías de teatro e danza como
Chévere, Materile Teatro, Music ata Brewhouse, Point Blank, Miren Theatre; e
tamén para diversos proxectos no audiovisual como Omar Martínez, Os Crebinsky,
Matalobos, Todo es silencio, El Vaivén, Na distancia, entre outros.
Colabora con artistas afíns na realizacións de pezas de teatro e danza como
I really want to stay here now con Mónica García e Ricardo Santana, Sobre la
Naturaleza das Cousas con Jesús Barranco e con Mónica García en La Velocidad de
las Cosas.
É profesor experimentado en disciplinas teatrais e formas de meditación
baseadas no movemento e orientadas ó traballo con actores e bailaríns.
27.4.12
A VELOCIDADE INTERNA DAS COUSAS
A
velocidade das cousas é unha singular proposta na que
atopamos danza, moita danza debedora dunha ampla traxectoria vital e
profesional. Mónica García escolle un rectángulo iluminado para amosarnos o
pensamento espido do corpo que reflexa a
circulación precisa das decisións.
A peza comeza cun movemento lento,
descontinuo, ascendente; un movemento xerador de sons en contacto cunha placa
sonorizada. Esa evolución sonora conecta coa experiencia amorosa que nos eleva
á máxima intensidade sensible. Ese estado amplificado onde accionamos os lindes
da experiencia e construímos un discurso propio; é aí onde Mónica García expón a
sentimentalidade imposta na vivencia do amor.
En
“Fragmentos dun discurso amoroso” - di a
bailarina - Barthes fala sobre o lugar
que ocupa a sentimentalidade na modernidade, atribuíndolle a “obscenidade do
amor” e como o suxeito amoroso asume esa sentimentalidade e o lugar onde o sitúa.
Mónica García cuestiona esa sentimentalidade,
enuncia o conflito empregando a escena como dispositivo de confesión. A
construción do corpo amado, a creación activa que nos afecta, que nos violenta
e nos impulsa a repetición aditiva do pensamento, visibilízase na escena acompañada
por cortes musicais diferenciados.
O corpo deitado sobre a luz cenital reinicia ó
pensamento, e outra vez ábrese lentamente ás posturas repetidas. O espazo muda
radicalmente e, mentres escoitamos unha canción, soben o escenario os técnicos
levando un novo vestiario, desencintando as pranchas, baixando os contras e
accionando a máquina de fume. Finaliza a música e, outra vez sobre o mesmo
rectángulo , a intérprete enmarcada pola luz e o fume, quebra a intimidade construíndo
posicións cargadas pola forza do estereotipo.
Mónica García inicia a construción dunha
plataforma, sube, repite as posturas do prototipo imposto polo amor ata que lle
é imposible gardar o equilibrio e cae. Intenta refacer a torre, subir unha e
outra vez, opoñendo resistencia ó fracaso. Ó fin xurde o sorriso como parte da
confesión, a aceptación do desengano acompañada dunha mirada cómplice sobre o
espectador na que a intérprete mostra o seu proceso vital sen efectismos e
dende o corpo.
A verdade do movemento, no que captamos outros
extractos do ser, concéntrase nun intre final - no que escoitamos o verso: A vida é soño - que nos conecta coas diferentes capas do real.
A calidade, a intelixencia e a madureza da
proposta de Mónica García amósanos unha investigación do movemento baseada nos espazos dispoñibles e nas traxectorias irreversibles do pensamento
veloz e interno das cousas.
8.4.12
DANZAR NA RÚA
Pechamos o curso "Espazos dispoñibles - Traxectorias irreversibles" de Mónica García cunha sesión moi especial levando a danza á rúa. Estas fotos documentais, feitas en grupo, integraron a proposta compositiva do pasado 24 de abril.
25.3.12
EINSTEIN NA PRAIA
Montpellier Danse repuxo a semana pasada o mítico monumento Einstein na praia (1976), un enorme artefacto escénico dirixido por Bob Wilson, musicado por Philip Glass e coreografiado por Lucinda Childs, que uniu irremediablemente a danza, o teatro, a ópera, o concerto e a performance, constituíndo un fito na escena do fin de século.
Bob Wilson nado en Waco (Texas) foi alumno de Martha Graham e comezou dirixindo accións. Fascinado pola autonomía do movemento respecto da música, empregou un tempo "ralentizado" no seu montaxe Deafman Glance (1971) que converteu nunha característica marca orixinal. Para Einstein na praia elexiu unha linguaxe dinámica que non reflicte o pensamento, nin é lóxica. O seu proceso creativo caracterizouse pola autonomía entre os elementos: a luz, a música, o movemento e a escenografía constrúen diferentes partituras entre as que se producen interaccións casuais. A peza é hoxe un símbolo representativo da revolucionaria arte americana dos setenta que tivo un fortísimo impacto nas posteriores xeracións.
8.3.12
SLEEP NO MORE
"Sleep no More" sucede nun hotel de Chelsea, New York, polo que os espectadores enmascarados transitan e deciden cambiar de piso, entrar e saír das habitacións, quedar no bar ou seguír á algún dos máis de vinte actores inducidos por unha arquitectura teatral da inquedanza que fai todo pareza sucesivo e simultáneo.
O teatro somerxido de Punchdrunk atravesado pola cinefilia e a performance precisa dunha mirada activa e móbil que constrúe múltiples tramas e visións escollidas dun Macbeth sempre violento e sobrenatural.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)