8.8.11
CURSO DE DANZA: ESTADOS DISPOÑIBLES – TRAXECTORIAS IRREVERSIBLES (I)
6.8.11
AMPARO NOVAS (SOBREEXPOSTAS: A DANZA GALEGA ACTUAL)

¿Cando e onde comezaches a bailar?
A.N. Comecei a formarme en danza clásica en Cangas de Morrazo con Maite Quiñones no ano 1986 (tiña eu dez anos) e a bailar de forma profesional no ano 1998 (con 22 anos) na Compañía de Danza do Noroeste en Viana do Castelo (Portugal) dirixida por Ruben Marks.
¿Sobre que material e como bailas na túa derradeira peza?
A.N. A miña última peza “Branco” xira arredor da cor branca; é un intento reflectir as distintas cualidades desta cor tanto a nivel cromático como a nivel sensitivo. Intento deixarme levar por todo o que me rodea, pola música pola compaña e explorar diferentes ideas.
¿Cales son os teus referentes artísticos?
A.N. Coreógrafos que me encantan e que son una fonte de inspiración para min son Mats Ek, Ohad Naharin, William Forsythe, Wim Vandekeybus ou Jiri Kilian. Durante a miña estancia en Barcelona tiven a sorte de poder ver algunhas pezas en directo e todos aportaron algo a miña forma de entender a danza.
¿Como crees que hoxe evoluciona a danza?
A.N. A danza penso que evoluciona na busca de novas fronteiras, esa busca de novas alternativas a que fai que cada vez se baile menos. En xeral creo que hai unha tendencia a deixar de bailar.
¿Como valoras a situación da cultura galega en xeral e a da danza en particular?
A.N. Desgraciadamente penso que a nosa cultura está demasiado vinculada a política en xeral e isto é un grave impedimento para desenvolver a nosa cultura libremente, e o mesmo coa danza.
¿Como crees que se debería artellar un traballo en rede que fortalecese a colaboración entre os actores culturais? ¿propós algunha acción concreta?
A.N. Penso que debería haber máis comunicación entre nós, dar a coñecer os nosos traballos e reflexionar un pouco sobre eles, escoitar a opinión dun actor da miña obra por exemplo e así con todo (mestura creativa). Creo que pode ser interesante e enriquecedor favorecendo a creación dun caldo de cultivo que seguro xerará máis cousas.
¿Cales son os mecanismos de produción e distribución para lograr a mobilidade do teu traballo? ¿Onde creaches e bailaches as túas derradeiras pezas?
A.N. Contar con un produtor e un distribuidor sempre que se poida.
A miña última peza “Branco”(2011), proxecto en residencia do CCG, foi feita entre o CCG e “La Fabrica” en Oleiros, sempre e cando estes espazos estiveran dispoñibles (cada vez é máis complicado ter un espazo de creación); e de momento só se bailou na estrea en Abril no Salón Teatro en Santiago.
Con “Algo se mueve dentro” (2008) foi a miña primeira peza como tal foi feita entre a CCG, o Centro Cívico la Barceloneta (Barcelona) e o Centro Cultural Villa de Nerja (Málaga). Esta peza producida por Cía Fernando Hurtado bailouse en diferentes festivais de Málaga, Asturias, Zaragoza, Barcelona, A Coruña, Lugo, Vigo e Santiago de Compostela.
¿Podes apuntar algún evento, espazo e/ou programación que estea a ampliar ás fronteiras da danza na actualidade?
A.N. Non estou segura.
¿Que lle aconsellarías a un espectador para inicialo na danza que se programa actualmente?
A.N. Que coñeza como evolucionou a danza desde as súas orixes ós nosos días, para elo recomendaríalle que lera o libro “Historia del ballet y de la danza moderna” de Ana Abad Carlés que, aínda que se centra máis que nada no ballet; é moi esclarecedor a hora de ter un esquema xeral da evolución da danza. Ademais que asista a ensaios abertos de compañías de danza para saber como traballan e en que consiste o seu día a día.
Amparo Novas licenciouse en Pedagoxía da danza polo Institut de Barcelona (Xuño 2010) e traballou en diferentes compañías como Cía Dansa do Noroeste (Portugal), Druida Danza (A Coruña), Cía Fernando Hurtado (Málaga), Centro Coreográfico Galego (A Coruña) e Sólodos (A Coruña).
Creadora de dúas pezas “Algo se mueve dentro”- que podedes ver neste link - (2008) e “Branco” (2011) é tamén profesora de danza contemporánea do Espazo de Danza da Universidade de Santiago de Compostela (EDU). O longo da súa traxectoria profesional tomou clase con recoñecidos coreógrafos como Thomas Noone, Guillermo Weickert, Angels Margarit, Mercedes Boronat, Bebeto Cidra, Janus Zubisc, Victor Ullate, Sol Picó e José Parés.
3.8.11
SOBREEXPOSTAS: A DANZA GALEGA ACTUAL

Entre elas hai galegas, unhas viven en Galicia e outras que residen fora, tamén artistas acollidas doutras comunidades como Madrid e países como Cuba. A diversidade de procedencia e a heteroxeneidade das súas propostas é unha constante deste fenómeno que xurdiu co traballo das salas alternativas nos anos 90 – hoxe pechadas- e reforzouse dende o ano 2004 durante a aplicación dunha política cultural autonómica anovadora e sensible ás demandas escénicas e ás novas metodoloxías de xestión cultural.
Isto logrou a emerxencia dunha xeración de coreógrafas cunha produción estable durante os últimos cinco anos da década 2000-2010 que hoxe mantense nun contexto desfavorable de fonda crise económica unida á continua redución de apoios públicos á cultura.
Con esta selección de artistas non pechamos a multiplicidade de achegas que hoxe conviven no eido da danza galega. O obxectivo de SOBREEXPOSTAS é visibilizar como bailan e como redefinen a danza na actual situación de crise as nosas coreógrafas.
imaxe de Esther Taboada
23.7.11
HIROAKI UMEDA


8.7.11
BABEL

A unión a través da dualidade e dos contrarios: linguaxe/corpo, conflito/armonía, identidade/territorio. A convivencia no espazo da comunidade múltiple , a conflitividade e o símbolo da torre como alegoría amósannos - segundo Larbi - que "a fronteira non é mais que unha ilusión, unha pura convención escénica".
2.7.11
EA SOLA
Ea Sola é unha coreógrafa vietnamita que presenta este ano na escena internacional Drought and Rain (Seca e Chuvia), Vol.2 , unha peza sobre a memoria da guerra con 11 mulleres que a viviron acompañadas de música tradicional e poesía recitada. A dor individual cinguidá á colectiva, os mortos, o custe da guerra na comunidade e no invividuo movilizan esta aclamada coreografía.
En 2001 creou para o Ballet da Ópera Nacional de Hanoi a primeira parte deste traballo e no ano 2008 coreografiou o solo Air lines (na imaxe) sobre a vida dos desprazados sen dereitos, sobre a pérdida da identidade asociada ó drama da emigración.
Ea Sola emigrou a Francia e chegou a danza por azar. Nos anos oitenta comezou a actuar cuns happeninngs sobre a memoria do corpo. Posteriormente creou pezas propias e colaborou con Min Tanaka e Roland Topor. Despois de 15 anos regresou á Vietnan e durante 5 investigou a danza tradicional do seu país. A través desta experiencia conectou coa memoria directa da guerra que é o tema recurrente e central na súa danza dende hai máis de unha década.
Despois do total recoñecemento no Festival de Nápoles, Drought and Rain Vol.2 viaxará os días 1, 2 e 3 de setembro ó Festival Internacional de Edimburgo.
26.6.11
PROXECTOS QUE APOIAMOS

Durante o último ano dende o Laboratorio de Movementos apoiamos os seguintes proxectos: Area de descanso da compañía Gayo Pinheiro, Wir Frauen de Helen Bertles, La velocidad de las cosas de Mónica García e Aneis (na foto de Esther Taboada) de Branca Novoneyra. Ademais impartiron formación recoñecidos profesionais da escena como Kirenia Martínez, Berta Secall, Gonçalo Guerreiro, Marco González e Natalie Schaevers entre outros moitos.
O noso proxecto inmediato é a xestión de residencias de artistas para proxectos de pequeno formato asociada a unha programación de actividades didácticas e ensaios abertos. Esta liña de intervención cultural asociada ás artes do movemento contextualizase no barrio de San Pedro en Santiago de Compostela, un lugar onde a creación de sinerxias entre os axentes culturais e a cidadanía é unha realidade viva.
