26.6.11

PROXECTOS QUE APOIAMOS


Durante o último ano dende o Laboratorio de Movementos apoiamos os seguintes proxectos: Area de descanso da compañía Gayo Pinheiro, Wir Frauen de Helen Bertles, La velocidad de las cosas de Mónica García e Aneis (na foto de Esther Taboada) de Branca Novoneyra. Ademais impartiron formación recoñecidos profesionais da escena como Kirenia Martínez, Berta Secall, Gonçalo Guerreiro, Marco González e Natalie Schaevers entre outros moitos.

O noso proxecto inmediato é a xestión de residencias de artistas para proxectos de pequeno formato asociada a unha programación de actividades didácticas e ensaios abertos. Esta liña de intervención cultural asociada ás artes do movemento contextualizase no barrio de San Pedro en Santiago de Compostela, un lugar onde a creación de sinerxias entre os axentes culturais e a cidadanía é unha realidade viva.

14.6.11

ALICIA HERRERO EN XULLO NO MACUF



Midriasis/Cajas Habitadas do colectivo Las mitocondria

Alicia Herrero impartirá un curso no Macuf (Museo de Arte Contemporáneo de Unión Fenosa, A Coruña) titulado CARPE DIEM. Do luns 11 ó venres 15 de xullo entre as 10 ás 14 horas o traballo, baseado na súa ampla traxectoria como bailarina e coreógrafa, consistirá nunha clase técnica e nun taller de creación en cinco sesións orientado a profesionais e estudantes de nivel medio-alto das artes do movemento.

Alicia Herrero licenciouse en Coreografía no Conservatorio de Valencia e Diplomouse en Danza e Teatro na Universidade de Middlessex (Inglaterra). Traballou en diversas compañías británicas e internacionais e xirou por todo o mundo. As súas coreografías estreáronse en Reino Unido, España, Portugal, Xapón, Cuba, Italia e Singapur e tamén forma parte do colectivo Las Mitocondrias. Podedes vela neste vídeo e atoparedes máis información sobre o curso na páxina do Macuf