4.2.12

A DANZA SEN LINDES



Dende o MOV-S 2012 - un proceso colaborativo que culminará nun encontro iberoamericano arredor da danza, as artes do movemento e a creación contemporánea en Cádiz o vindeiro xuño -  lanzan a pregunta: ¿Que é danza?, ¿De que falamos cando falamos de danza?.
Mais ¿Como abordar esta cuestión poliédrica e aínda controvertida? Podemos ampararnos no pensamento múltiple que inclúe diversas formas de indefinición. Dende aí podemos repensar a danza; dende a negación dos lindes inflexibles, dende o centro móbil e múltiple desprazándonos ata as fronteiras mutantes do que hoxe é arte e pensamento.

Podemos intentalo, falar da danza expandida, repensada, híbrida, libre de implícitos unificadores que nesgan os matices. A danza conectada co social, co poético, co científico, coa diversidade na tradición e na vangarda. A danza que improvisa mentres avanza. A danza dos precursores e dos novos clásicos; a nova danza e a non danza, a danza da crise, a que expresa que sucede neste mesmo intre. A danza integrada, abstracta, posmoderna; a danza teatro, a performática, a danza que renova ós clásicos, a danza tradicional, a académica que teme e nesga a inexistencia de fronteiras. A danza que amplía os seus límites, a que reforza un centro, sempre múltiple e en constante movemento.
A que non entende de simplificacións entre Norte e Sur, nin de definicións, a que propón códigos pechados ou abertos, a danza somerxida, a dixital, o cinedanza, a videodanza, a ciberdanza. A danza pobre e tecnolóxica que compoñemos no presente. A danza que xurdirá diste proceso de desprogramación, diste case punto cero, a danza que está a contar a desaparición dun Estado de benestar só europeo.

A danza de resistencia dos territorios esquecidos, que son a maioría. A danza autista, a danza dos grandes centros icónicos, a danza urbana da rúa. A danza conectada, asociada, a danza que suma, que colabora e une. A danza imaxinada, a que non está documentada, a danza mítica das esfinxes, a grega, a dos escravos, a da guerra, a dos solsticios e as vodas, a danza da Historia da danza – a dos grandes fitos-, a danza que está fora da Historia. A periférica, a das pequenas comunidades sen Estado, a dos oprimidos, os desprazados, os emigrantes e tamén a danza libre, múltiple, consciente e expandida: a danza sempre utópica do futuro.

*
A foto é de Bárbara Morgan.


29.1.12

FORSYTHE


Solo (1997) é unha emblemática peza do xenial coreógrafo americano William Forsythe, renovador radical do vocabulario clásico contemporáneo. Cunha ampla traxectoria de colaboración cos ballets máis grandes do mundo; o seu estudio do espazo actualizando as teses de Laban, as atmosferas eléctricas e sombrizas e os movementos fragmentarios dun velocísimo virtuosismo percorren a investigación e a creación coreográfica que desenvolve agora coa súa compañía e que cambiou a forma de ver e facer clásico no final de século.

22.1.12

AREIA



Areia é o novo espectáculo que a compañía portuguesa Circolando estreou este xaneiro no Teatro Virginia (Torres Novas). Neste vídeo atopamos as imaxes dun work in progress inserido nun deserto interior e aberto á reflexión sobre os diversos estadios do tempo, a desertificación e a morte. 
Neste intres Circolando está a crear Arraial, un ambicioso proxecto de traballo coa comunidade arredor das festas populares das rexións do Minho e do antigo Douro Litoral, apoiado nun excepcional proceso de recollida e documentación que podedes visitar na súa web.

14.1.12

O CISNE


Swan é unha experiencia ornitocoreográfica, un diálogo entre cisnes e bailaríns produto dun longo proceso de recoñecemento como podemos ver neste making of da compañía de Luc Petton.

¿Es raro que cisne quiera decir sonido?
En dioses y poder, y heridas he pensado.
Pero aquí en extraña paz éste ha callado.

Todo el día se matuvieron a raya los perros que ladraban.
Mejor que perros, un solo cisne,
alejará esas malignas fuerzas según dicen

y así guardar la calma, hacer de la laguna un lago-
suene por la arboleda silenciosa una crecida
quebrada resonante, despertando la mente sacudida.

*
O poema homónimo é de Robert Creeley

7.1.12

TALLER DE VOZ CON MÓNICA DE NUT




Taller práctico para cantantes, actores e afeccionados sen coñecemento técnico previo. Exercitaremos as técnicas que presentaremos na súa maioría en grupo: vocalizacións, xogos vocais, cancións de varios estilos musicais a coro, experimentación… gozando do noso propio son e sacándolle o máximo partido.

 Os obxectivos do Taller de Voz son: 
-    Coñecer e desenvolver as posibilidades vocais persoais.
-    Evitar problemas relacionados coa voz e o seu uso.
-    Obter o mellor rendemento vocal co menor esforzo.
-    Coñecer e exercitar as técnicas de relaxación e respiración adecuadas para a fonación con conciencia corporal.
-    Dotar de firmeza, alcance, flexibilidade e naturalidade á voz .
-    Análise das cualidades do son vocal para conseguir a máxima gama de matices: volume, entoación, duración, ritmo, velocidade… aproximando a voz falada ó canto e viceversa.   
-    Descubrir formas de expresar coa voz a emoción e o propósito do discurso.
-    Cantar cancións como solista e a coro propostas no cursos e polo alumnado.
                    
Todos os mércores de 20.30 á 22h dende febreiro.
Prezo: 35€/mes.
O mércores 25 de xaneiro celebraremos unha clase aberta a todos os interesados.
Máis info no 659.888.709 e no laboratoriodemovementos@yahoo.es

Mónica de Nut canta ópera, jazz, música de raíz, música experimental… Ten experiencia na interpretación teatral e na expresión corporal. Estudiou piano e pedagoxía musical diplomándose na Universidade de Vigo. Formouse no canto lírico licenciándose na Escola Superior de canto de Madrid na especialidade de Teatro Lírico, no canto tradicional en varias agrupacións e no jazz na escola Estudio de Compostela e no S.P.J. de Pontevedra.
Ademáis de cantar en varias agrupacións como Isga Collective, o dúo Litanei, pandeireteiras A Buxaina… lanzou un primeiro disco de Mónica de Nut trío, con Paco Dicenta ó baixo e bases eléctrónicas e Virxilio da Silva á guitarra.
Participou tamén en montaxes operísticas e de teatro musical; incluída a interpretación de Jenny na Ópera dos tres reás de Bertolt Brecht e Kurt Weill dirixida por Quico Cadaval e protagonizada por Luís Tosar. 

21.12.11

TALLER DE DANZA 'ESPAZOS DISPOÑIBLES-TRAXECTORIAS IRREVERSIBLES' CON MÓNICA GARCÍA




Propoño un traballo de adestramento físico que sitúe o corpo en posición de acoller diferentes posibilidades de movemento. Despois, traballando dende a diversificación da atención que propicia a simultaneidade entre repetición de estímulos e produción de materiais, xeraranse construcións coreográficas transitorias que representan os estados, as velocidades e as dinámicas do corpo. Estas construcións articularanse a través do emprego de distintas ferramentas que manexaremos ó longo deste curso. O obxectivo é atopar dende o contexto proposto unha maneira subxectiva de entender e xerar o movemento.”


Os bloques temáticos básicos sobre os que traballaremos:
- adestramento físico.
- alineación e espazos do corpo.
- xeración de construcións coreográficas transitorias

Dende o  3 de xaneiro todos os martes e xoves 
de 18.45 á 20.15 e de 20.30 á 22h.
Mensualidade de 65 euros.
Info e matrícula no 659.888.709

Mónica García. Coreógrafa e bailarina, compaxina o seu traballo de intérprete coa dirección dos seus traballos propios i en colaboración. Traballou con Catherine Diverrés para o CCNRB en Francia, con Ana Vallés para Materile Teatro e o Teatro de la Abadía, tamén no Staatstheather de Damstadt (Alemaña), nas compañías 10&10 Danza e Provisional Danza entre outros.
Artista colaboradora En Residencia, un proxecto de Marc Rees para o Teatro La Laboral de Xixón e Chaptes Arts Center de Cardiff, e de "Babilonia I" de Carlos Fernandez para o Matadero de Madrid.
Traballou como coreógrafa para o Centro Dramático Nacional e para o Centro Dramático Galego. Premio do xurado ó coreógrafo no XVIII Certamen Coreográfico de Madrid; as súas pezas presentáronse en distintos festivais e teatros en España, Holanda, Gales e Portugal.
Os seus derradeiros traballos son "La velocidad de las cosas", estrea na Sala Nasa e "Nielheim", colaboración co cuarteto de corda vigués Suelen Estar Quartet estreado na Sala Ensalle de Vigo. Podedes visitar a súa web.


30.11.11

TRES COREÓGRAFAS


Tres discursos coreográficos esenciais para descubrir a escena contemporánea europea: a danza-teatro de Pina Bausch (1940-2009), a poética visual de Carolyn Carlson (1943) e o minimalismo matemático de Anne Theresa de Keersmaeker (1960).
A producción destas tres mulleres marcou a danza de fin de século. Elas son imprescindibles para entender o actual panorama das artes do movemento.