27.4.12

A VELOCIDADE INTERNA DAS COUSAS



A velocidade das cousas é unha singular proposta na que atopamos danza, moita danza debedora dunha ampla traxectoria vital e profesional. Mónica García escolle un rectángulo iluminado para amosarnos o pensamento  espido do corpo que reflexa a circulación precisa das decisións.
A peza comeza cun movemento lento, descontinuo, ascendente; un movemento xerador de sons en contacto cunha placa sonorizada. Esa evolución sonora conecta coa experiencia amorosa que nos eleva á máxima intensidade sensible. Ese estado amplificado onde accionamos os lindes da experiencia e construímos un discurso propio; é aí onde Mónica García expón a sentimentalidade imposta na vivencia do amor.
En “Fragmentos dun discurso amoroso”  - di a bailarina - Barthes  fala sobre o lugar que ocupa a sentimentalidade na modernidade, atribuíndolle a “obscenidade do amor”  e como o suxeito amoroso asume  esa sentimentalidade e o lugar onde o sitúa. Mónica García cuestiona esa sentimentalidade, enuncia o conflito empregando  a escena como dispositivo de confesión. A construción do corpo amado, a creación activa que nos afecta, que nos violenta e nos impulsa a repetición aditiva do pensamento, visibilízase na escena acompañada por cortes musicais diferenciados.
O corpo deitado sobre a luz cenital reinicia ó pensamento, e outra vez ábrese lentamente ás posturas repetidas. O espazo muda radicalmente e, mentres escoitamos unha canción, soben o escenario os técnicos levando un novo vestiario, desencintando as pranchas, baixando os contras e accionando a máquina de fume. Finaliza a música e, outra vez sobre o mesmo rectángulo , a intérprete enmarcada pola luz e o fume, quebra a intimidade construíndo posicións cargadas pola forza do estereotipo.
Mónica García inicia a construción dunha plataforma, sube, repite as posturas do prototipo imposto polo amor ata que lle é imposible gardar o equilibrio e cae. Intenta refacer a torre, subir unha e outra vez, opoñendo resistencia ó fracaso. Ó fin xurde o sorriso como parte da confesión, a aceptación do desengano acompañada dunha mirada cómplice sobre o espectador na que a intérprete mostra o seu proceso vital sen efectismos e dende o corpo.
A verdade do movemento, no que captamos outros extractos do ser, concéntrase nun intre final - no que escoitamos o verso: A vida é soño -  que nos conecta coas diferentes capas do real. A calidade, a intelixencia  e a madureza da proposta de Mónica García amósanos unha investigación do movemento baseada nos espazos dispoñibles e nas traxectorias irreversibles do pensamento veloz e interno das cousas.

No hay comentarios: