4.2.12

A DANZA SEN LINDES



Dende o MOV-S 2012 - un proceso colaborativo que culminará nun encontro iberoamericano arredor da danza, as artes do movemento e a creación contemporánea en Cádiz o vindeiro xuño -  lanzan a pregunta: ¿Que é danza?, ¿De que falamos cando falamos de danza?.
Mais ¿Como abordar esta cuestión poliédrica e aínda controvertida? Podemos ampararnos nun pensamento múltiple que inclúe diversas formas de indefinición. Dende aí podemos repensar a danza; dende a negación dos lindes inflexibles, dende o centro móbil e múltiple desprazándonos ata as fronteiras mutantes do que hoxe é arte e pensamento.

Podemos intentalo, falar da danza expandida, repensada, híbrida, libre de implícitos unificadores que nesgan os matices. A danza conectada co social, co poético, co científico, coa diversidade na tradición e na vangarda. A danza que improvisa mentres avanza. A danza dos precursores e dos novos clásicos; a nova danza e a non danza, a danza da crise, a que expresa que sucede neste mesmo intre. A danza integrada, abstracta, posmoderna; a danza teatro, a performática, a danza anovadora, a tradicional e tamén a académica que teme e nesga a inexistencia de fronteiras.
A danza que amplía os límites, a que reforza un centro sempre múltiple e en constante movemento. A que non atende ás simplificacións entre Norte e Sur, nin ás definicións, a que propón códigos pechados ou abertos. A danza somerxida, a dixital, o cinedanza, a videodanza, a ciberdanza. A danza pobre e tecnolóxica que compoñemos no presente. A danza que xurdirá diste proceso de desprogramación, diste case punto cero; a danza que está a contar a desaparición dun Estado de Benestar só europeo.

Tamén a danza de resistencia dos territorios esquecidos que son maioría. A danza autista, a danza dos grandes centros icónicos, a danza urbana da rúa. A danza conectada, asociada, a que suma, une e colabora. A danza imaxinada, a que non está documentada: a danza mítica das esfinxes, a grega, a dos escravos, a da guerra, a dos solsticios e as vodas; a danza da Historia da danza – a dos grandes fitos- e a danza que está fora da Historia. A periférica, a das pequenas comunidades sen Estado, a dos oprimidos, os desprazados, os emigrantes e tamén a danza libre, múltiple, consciente e expandida: a danza sempre utópica do futuro.

*
A foto é de Bárbara Morgan.