6.8.11

AMPARO NOVAS (SOBREEXPOSTAS: A DANZA GALEGA ACTUAL)



¿Cando e onde comezaches a bailar?

A.N. Comecei a formarme en danza clásica en Cangas de Morrazo con Maite Quiñones no ano 1986 (tiña eu dez anos) e a bailar de forma profesional no ano 1998 (con 22 anos) na Compañía de Danza do Noroeste en Viana do Castelo (Portugal) dirixida por Ruben Marks.


¿Sobre que material e como bailas na túa derradeira peza?

A.N. A miña última peza “Branco” xira arredor da cor branca; é un intento reflectir as distintas cualidades desta cor tanto a nivel cromático como a nivel sensitivo. Intento deixarme levar por todo o que me rodea, pola música pola compaña e explorar diferentes ideas.


¿Cales son os teus referentes artísticos?

A.N. Coreógrafos que me encantan e que son una fonte de inspiración para min son Mats Ek, Ohad Naharin, William Forsythe, Wim Vandekeybus ou Jiri Kilian. Durante a miña estancia en Barcelona tiven a sorte de poder ver algunhas pezas en directo e todos aportaron algo a miña forma de entender a danza.


¿Como crees que hoxe evoluciona a danza?

A.N. A danza penso que evoluciona na busca de novas fronteiras, esa busca de novas alternativas a que fai que cada vez se baile menos. En xeral creo que hai unha tendencia a deixar de bailar.


¿Como valoras a situación da cultura galega en xeral e a da danza en particular?

A.N. Desgraciadamente penso que a nosa cultura está demasiado vinculada a política en xeral e isto é un grave impedimento para desenvolver a nosa cultura libremente, e o mesmo coa danza.


¿Como crees que se debería artellar un traballo en rede que fortalecese a colaboración entre os actores culturais? ¿propós algunha acción concreta?

A.N. Penso que debería haber máis comunicación entre nós, dar a coñecer os nosos traballos e reflexionar un pouco sobre eles, escoitar a opinión dun actor da miña obra por exemplo e así con todo (mestura creativa). Creo que pode ser interesante e enriquecedor favorecendo a creación dun caldo de cultivo que seguro xerará máis cousas.


¿Cales son os mecanismos de produción e distribución para lograr a mobilidade do teu traballo? ¿Onde creaches e bailaches as túas derradeiras pezas?

A.N. Contar con un produtor e un distribuidor sempre que se poida.

A miña última peza “Branco”(2011), proxecto en residencia do CCG, foi feita entre o CCG e “La Fabrica” en Oleiros, sempre e cando estes espazos estiveran dispoñibles (cada vez é máis complicado ter un espazo de creación); e de momento só se bailou na estrea en Abril no Salón Teatro en Santiago.

Con “Algo se mueve dentro” (2008) foi a miña primeira peza como tal foi feita entre a CCG, o Centro Cívico la Barceloneta (Barcelona) e o Centro Cultural Villa de Nerja (Málaga). Esta peza producida por Cía Fernando Hurtado bailouse en diferentes festivais de Málaga, Asturias, Zaragoza, Barcelona, A Coruña, Lugo, Vigo e Santiago de Compostela.


¿Podes apuntar algún evento, espazo e/ou programación que estea a ampliar ás fronteiras da danza na actualidade?

A.N. Non estou segura.


¿Que lle aconsellarías a un espectador para inicialo na danza que se programa actualmente?

A.N. Que coñeza como evolucionou a danza desde as súas orixes ós nosos días, para elo recomendaríalle que lera o libro “Historia del ballet y de la danza moderna” de Ana Abad Carlés que, aínda que se centra máis que nada no ballet; é moi esclarecedor a hora de ter un esquema xeral da evolución da danza. Ademais que asista a ensaios abertos de compañías de danza para saber como traballan e en que consiste o seu día a día.


Amparo Novas licenciouse en Pedagoxía da danza polo Institut de Barcelona (Xuño 2010) e traballou en diferentes compañías como Cía Dansa do Noroeste (Portugal), Druida Danza (A Coruña), Cía Fernando Hurtado (Málaga), Centro Coreográfico Galego (A Coruña) e Sólodos (A Coruña).

Creadora de dúas pezas “Algo se mueve dentro”- que podedes ver neste link - (2008) e “Branco” (2011) é tamén profesora de danza contemporánea do Espazo de Danza da Universidade de Santiago de Compostela (EDU). O longo da súa traxectoria profesional tomou clase con recoñecidos coreógrafos como Thomas Noone, Guillermo Weickert, Angels Margarit, Mercedes Boronat, Bebeto Cidra, Janus Zubisc, Victor Ullate, Sol Picó e José Parés.

No hay comentarios: