¿Cando e onde comezaches a bailar?
U. V. Comecei a bailar de nena, no típico grupo de baile galego, onde por certo,daba clase unha señora andaluza... Cando tiña 11 anos, abriu a primeira escola de ballet en Vilagarcía. Colocaron o cartel ó lado da miña casa e fun a primeira alumna inscrita nesa escola.
Cando cheguei a Santiago, entrei en contacto coa danza moderna e contemporánea a través do Espazo de Danza da Universidade e das actividades do xa desaparecido Teatro Galán, onde coñecín outros xéneros como o butoh e a danza-teatro.
¿Sobre que material e como bailas na túa derradeira peza?
U.V. Non bailo na miña última peza. É un solo que eu dirixín e que Borja Fernández, actor e músico, interpreta. Isto ten que ver co meu gosto polos bailaríns-actores ou actores-bailaríns. Interésanme os xéneros híbridos e os intérpretes que integran máis dun método no seu traballo. Non acostumo traballar con bailaríns que só bailan.
Ese traballo, "Rewind. Fantasías en 1987", parte das memorias do pasado do intérprete e a partir delas e a súa manipulación camiña cara á construción dunha personaxe de ficción e unha fantasía ou espellismo en escena. Traballamos tamén sobre referencias como o western e a vida do vaqueiro.
¿Cales son os teus referentes artísticos?
U.V. Creo que unha mestura de todo aquel espectáculo, película ou obra de arte que vexo e me impacta. Non creo que se poidan recoñecer no meu traballo similitudes con estes referentes. Impactáronme espectáculos de danza, teatro e circo de Pina Bausch, de Anne Teresa de Keersmaeker, de Alain Platel, de Alain Buffard, de Zimmerman&De Perrot, Pippo Delbono, o grupo portugués Teatro Praga e, sobre todo a "Trilogia Flatland" de Patricia Portela.
Creo que son referentes máis directos aqueles artistas cos que te formas. No meu caso Guillermo Weickert, Jean Paul Bucchieri ou Anton Skrzypiciel foron ídolos, e despois pasaron a ser profesores dos que aprendín algúns dos métodos que uso na creación.
¿Como crees que hoxe evoluciona a danza?
U.V. Creo que hai dúas vías. Por unha parte os xéneros hibridos comezan a tomar formas novas, que en pouco tempo poderán recibir definicións e "nome". Dentro desta vía paréceme interesante algunhas tendencias ó social, á integración da realidade en palco; creo que esta vía ten a súa orixe no aparecemento do "corpo social" do bailarín en palco (véxase Pina Bausch) pero o avance cara ó hiperrealismo, á integración da sociedade no espectáculos, abre unha nova porta moi beneficiosa para a danza.
Por outra parte, hai unha volta ó antigo, ó clásico, neoclásico e clásico contemporáneo. Paréceme interesante como público pola súa calidade "museística", pero creo que devolve á danza a un estadio anterior de hermetismo, isolamento e falta de conexión coa sociedade.
¿Como valoras a situación da cultura galega en xeral e a da danza en particular?
U.V. Aínda que existe un bó número de artistas con moito que dicir, experimentar, con grande forza creativa e unha renovación xeracional nas súas mans, creo que a cultura en Galicia está nunha situación absurdamente vulnerable ó sistema político, a certas institucións e a un mercado "estraño"
A nivel de danza, a situación paréceme dramática precisamente por causa deste sistema da cultura galega en xeral. É sospeitoso facer danza contemporánea. A todos os niveis competimos co teatro, sendo áreas completamente diferentes. Algúns de nos sobrevivimos gracias a compañías de teatro abertas á contemporaneidade, que ó mesmo tempo son outra minoría e están obrigadas sen conseguilo, a competir no mercado con aquelas "históricas".
Finalmente, a actual inactividade e falta de interese polos creadores profesionais galegos por parte do Centro Coreográfico Galego, fai con que non exista ningunha institución pública que invirta algúns cartos -non de forma "anecdótica"- , de forma transparente, na danza. Existe un orzamento para a danza de Galicia (o Centro Coreográfico, neste ano de crisis, dispoñía de 400.000€ ) pero non existe un proxecto forte e claro onde se estea a invertir.
Desde as institucións públicas, as compañías de danza non son apoiadas porque non teñen unha distribución potente, pero a compañía "pública" vendeu desde a estrea do seu último espectáculo "Tres de tres"en xuño, 5 bolos en cinco meses. É un mal exemplo.
A desaparición da sala Nasa, único centro que programaba danza con normalidade na "capital cultural" de Galicia, Santiago, é outro dos alicerces dos creadores e público da danza que desaparece.
Dramático.
¿ Como crees que se debería artellar un traballo en rede que fortalecese a colaboración entre os actores culturais? ¿Propós algunha acción concreta?
U.V. Quizais comezar por un traballo de investigación do que existe agora mesmo en Galicia (artistas, obras, institucións, xéneros que se abordan, etc.). Creación de unha base de datos ben organizada e accesible, para poder xerar "encontros". O formato dos encontros é o que podería repensarse, sería un traballo de investigación paralelo, dos medios con que contamos para colaborar.
Quizais este traballo non debería ser organizado e realizado polos artistas, senón que habería que tirar de profesionais de outras áreas, expertos na análise de grupos sociais, profesionais, de dinamización...
Non sei, depende un pouco do tipo de colaboración que se busque.
¿Cales son os mecanismos de produción e distribución para lograr a mobilidade do teu traballo? ¿Onde creaches e bailaches as túas derradeiras pezas?
U.V. Creei sempre a base de residencias, fora e dentro de Galicia. Foron case todas conseguidas por presentación de proxectos en convocatorias públicas. Fixen residencias do CCG, do CDG, no Centro de Artes de Sevilla, no Assas de Palco en Guimaraes, en Vo'Arte e Centro Cultural de Belém en Lisboa. A veces foron conseguidas gracias á colaboración con artistas de outros lugares. Resulta moi positivo cando a convocatoria de residencia inclúe a programación da peza no propio espazo, ou cando impulsa a súa programación en outros espazos, como facía antes o Centro Coreográfico Galego.
Presentei as miñas pezas en centros de artes como o Centro Cultural de Belém, o de Sevilla e o de Sines, en salas alternativas como Nasa e Ensalle en Galicia ou DT en Madrid, en festivais como BCSTX, Escena Contemporánea, Mov-s Galicia, Alt de Vigo, Festival de Solos da Malaposta, En Pé de Pedra, etc.
¿Podes apuntar algún evento, espazo e/ou programación que estea a ampliar ás fronteiras da danza na actualidade?
U.V. O teatro María Matos en Lisboa está a realizar unha programación contemporánea arriscada e abundante que inclúe danza.
Parece que este ano se xenerou polémica no Festival de Avignon, porque un 40% da programación era de danza.
¿Que lle aconsellarías a un espectador para inicialo na danza que se programa actualmente?
U.V. Sei que é a vía máis difícil, pero aconsellaría que viaxe fora de Galicia e tente ver os clásicos contemporáneos, que son moitos e nunca tivemos oportunidade de velos aquí. Porto e Guimaraes costuman programar este tipo de espectáculos e coreógrafos e están relativamente cerca de Galicia.
Uxía P. Vaello (Vilagarcía de Arousa, 1978), fórmase en Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela e en danza na Escola Superior de Danza de Lisboa. Estudou técnicas de danza e composición e outras disciplinas con mestres como Rui Horta, Margarida Bettencout, Anabelle Bonnéry, Angelique Willkie, Guillermo Weickert, Francisco Camacho, Jean Paul Bucchieri, Anton Skrzypiciel, Janusz Subicsz, Andrés Corchero, Roberto Fratini,etc. Desde 2007 trabalha en Galicia nos seus proxectos de creación, a solo: "Arder nun Hotel" ou en colaboración con outros artistas "Play", "Rewind. Fantasías en 1987", con Borja Fernández e "Assemblage" con Laura Lizcano. Impartiu clases de danza no Espazo de Danza da USC, para o cal coreografou a peza "Cun par de tacóns!". Ten participado como voluntaria en performances de Vera Mantero, Meg Stuart e Zangh Huan, entre outros. Colabora como intérprete ou coreógrafa con compañías galegas como Voadora, A Artística, Pistacatro ou Centro Dramático Galego. Formou parte do proxecto Skite/Sweet&Tender Porto 2008 e ás súas pezas foron presentadas en festivais e espazos como Festival Escena Contemporánea (Madrid) , Festival BCSTX (Barcelona), Festival En Pé de Pedra (Santiago), ou Box Nova (CCB, Lisboa), entre outros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario